A adaptación dos nenos e nenas de tres anos vai vento en popa. Da gusto velos entrar cada día con máis confianza, e a verdade é que xa se moven pola aula coma se estivesen aquí toda a vida. Esta semana non paramos un segundo e fixemos unha chea de actividades súper variadas. Unha das que máis triunfou foi xogar todos xuntos, en gran grupo, a un dominó de imaxes xigante. Pasámolo en grande! Ademais de divertirse, con estes xogos en equipo están aprendendo case sen darse conta. Ao xogar todos xuntos, aprenden a respectar as quendas, traballando a paciencia (que a estas idades non é fácil), cooperan e axúdanse uns a outros para buscar a imaxe que encaixa, axilizan a mente relacionando os debuxos e as formas de xeito rápido e crean piña, o que axuda a que se sintan parte do grupo e vaian facendo os seus primeiros mellores amigos.
Esta semana tamén tivemos as nosas primeiras actividades impresas en papel, experimentando con diferentes materiais: coloreamos con ceras duras, pegamos gomets de cores e ata fixemos as nosas primeiras probas co punzón. Pode parecer algo sinxelo, pero estas primeiras tomas de contacto co material son importantísimas a estas idades. Con elas conseguimos entrenar a psicomotricidade fina (aprender a soster a cera, facer pinza cos dedos cos gomets ou controlar a forza co punzón axúdalles a gañar precisión nas mans), mellorar a coordinación ollo-man (fixar a vista onde queren colocar a pegatina ou onde teñen que picar co punzón) e fomentar a autonomía (ver que son capaces de manipular estas ferramentas dálles moita seguridade). E o mellor de todo vén ao final! Cando rematan a actividade, non queda aí a cousa. Eles mesmos encárganse de gardar a tarefa no seu casilleiro. Estano facendo de marabilla e encántalles sentir que xa son maiores e autónomos coas súas cousas!
Ademais de todo isto, estes días estamos interiorizando as zonas de xogo e aprendendo a xogar en determinados espazos da aula, que está dividida por recunchos (os xogos simbólicos, as construcións, a biblioteca,...), e aprender a respectar estes espazos é un paso xigante para eles. Ao principio todos queren ir ao mesmo sitio, pero pouco a pouco van entendendo como funciona a organización da clase e distribúense de xeito natural.
Tivemos que reorganizar algúns espazos da aula para que fosen máis accesibles visualmente. Ao velos interactuar no día a día, algunhas zonas precisaban un deseño máis claro. Con esta nova distribución, os nenos e nenas poden ver de un só golpe de vista que hai en cada recuncho e onde vai cada material. Tamén facilita moito o momento de recollida dos xogos.
Démoslle a benvida ao outono na nosa aula! Para celebralo, arrincamos a semana aprendendo unha canción súper divertida que xa non paramos de cantar a todas horas. Ademais, quixemos darlle un gran protagonismo ao outono no espazo da aula, e pocuo a pouco irán aparecendo propostas de traballo individuais relacionadas coa estación
![]() |
| Cantando e vivenciando a canción de Uxía Lambona |
Ao comedor escolar tamén chegou o outono por todo o alto! Esta semana comeron unha deliciosa crema de cabaza!
Para rematar as novidades desta semana, queriamos contarvos que practicamos ioga por primeira vez na aula! foi unha primeira toma de contacto moi sinxela, pero resultou ser unha actividade altamente motivadora para eles. Encantoulles estirar o corpo, xogar a facer posturas de animais e experimentar eses momentiños de silencio e relaxación que tanto lles axudan a acougar despois de tanto xogo
O rexistro de froita do "froitómetro" aínda non o empezamos. Avisarei con tempo para que os mércores, quen queira, poida traer froita para merendar e comezar así a cubrir a nosa táboa de hábitos saudables.
E mentres uns están practicando ioga, outros reciben estimulación da linguaxe oral. Deste xeito, ao estar en grupos máis pequenos, podemos darlles unha atención moito máis personalizada. Nesta primeira sesión de linguaxe, os pequenos pasárono en grande practicando onomatopeias de animais, o que é ideal para exercitar os músculos da boca e mellorar a súa pronuncia de xeito súper divertido.
Para pechar a semana, o venres demos un paso moi importante: distribuímos a aula en equipos estables que se manterán ao longo de todo o trimestre. A partir de agora, os nenos e nenas sentaranse organizados en tres mesas fixas. O máis emocionante é que cada unha destas mesas xa ten o seu propio nome, e todos eles están directamente relacionados coa temática do proxecto que imos levar a cabo durante este curso escolar. Esta forma de traballar axúdalles a crear identidade de grupo, a aprender a cooperar cos mesmos compañeiros e a implicarse de cheo na aventura do proxecto desde o primeiro minuto.
Agora toca disfrutar da fin de semana e recargar as pilas a tope!

















































































































Pásano en grande! 🙂❤️
ResponderEliminarQue ben velos interactuar. Por algo se emepeza
ResponderEliminar